Friday 10 de May de 2024

O delegado territorial na Coruña asegura que as políticas sociais son, a día de hoxe, “a obsesión da Xunta de Galicia”


Ovidio Rodeiro amosouse “especialmente satisfeito” dos avances acadados neste período, como os 14 desafiuzamentos evitados ou os esforzos nas axudas no fogar

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ofreceu esta maña unha rolda de prensa na que fixo balance dos seus primeiros cen días no cargo e repasou os asuntos que máis marcaron estas semanas de traballo. Rodeiro destacou que desde a súa toma de posesión o seu obxectivo foi traballar a diario para contribuír a facer “unha Galicia máis enraizada, máis social, máis próspera e máis sustentable”. Nesta mesma liña, apuntou que “a provincia e a comunidade funcionan porque gozamos dunha estabilidade institucional indispensable” para seguir avanzando no benestar da xente.

Ovidio Rodeiro apuntou como elemento fundamental da evolución de Galicia “unas cifras que non enganan, e que reflicten un crecemento económico do 3,2 por cento no ano 2016”. O delegado considera que eses datos son froito dunha xestión “responsable” que permitiu superar “mellor que noutros sitios os tempos máis duros da crise” e que a día de hoxe “facilitan unha recuperación constante e acompasada”.

“As políticas sociais son a nosa obsesión”, sinalou Rodeiro, referíndose ao esforzo realizado pola Xunta nesta materia. “So na cidade da Coruña o Goberno galego destina 6,5 millóns á RISGA, 2,9 millóns á axuda no fogar e máis de medio millóns ao Plan Concertado dos Servizos Sociais comunitarios”. Lembrou que grazas a este esforzo, dun 28 por cen más que en 2016, o Concello da Coruña puido contratar a catro traballadores sociais máis, ata completar un cadro de 18 persoas, financiadas na súa totalidade pola Xunta. Rodeiro engadiu que nestes cen días a Xunta blindou máis de 873.000 euros só para atender ás necesidades dos beneficiarios do programa de Axuda no Fogar na cidade.

Ovidio Rodeiro fixo un percorrido por algúns dos logros acadados nestes pouco máis de cen días. Confesou que os mellores momentos foron “os catorce casos de emerxencia por risco inminente de desafiuzamento nos que a Xunta foi quen de ofrecer unha solución a esas persoas desesperadas”, ou a adxudicación de 17 vivendas en Novo Mesoiro, o Barrio das Flores e Eirís. “A gratitude que transmite esta xente non se paga con cartos”, sinalou, para engadir a continuación que “ten difícil explicación que nin A Coruña nin Ferrol se sumen dunha vez ao Plan de Vivendas Baleiras”.

Na súa comparecencia antes o medios, Ovidio Rodeiro destacou tamén o esforzo acometido en temas de saúde, nomeadamente os preto de cinco millóns de euros consignados para a reforma das Urxencias do Materno Infantil “Teresa Herrera” e á reforma do Hospital de Día. Anuncio a inminente apertura do centro de saúde do Portádego e aproveitou para emprazar ao Concello da Coruña a definir a súa postura sobre o centro de saúde de Santa Lucía. “Chegou a hora de que digan se apostan por un centro moderno, funcional e adaptado ás necesidades ou si a súa intención e renunciar”, dixo.

Ovidio Rodeiro enumerou outras actuacións xa comprometidas pola Xunta de Galicia, coma os oito millóns de euros para a nova residencia da Terceira Idade en Eirís, a partida inicial de 350.000 euros para que en 2018 comece a construción do colexio de Novo Mesoiro ou o medio millón de euros investido na reforma integral do Ramón de la Sagra, feita con todas as garantías de seguridade e saúde para os alumnos, “tal e como demostraron os resultados dos estudos realizados”

O desbloqueo da Estación Intermodal, na que a Xunta investirá dez millóns de euros, o remate do saneamento da ría do Burgo cun investimento de máis de 5,7 millóns de euros, ou o impulso definitivo á conexión da Vía Ártabra coa AP-9, cun orzamento de 37,7 millóns de euros foron outros asuntos abordados polo delegado territorial durante a súa comparecencia.

Así mesmo, Rodeiro tivo palabras para “os máis de 200 traballadores que darán vida a nova sede xudicial da Fábrica de Tabacos” ou para “todas esas persoas que por fin verán cumpridos os seus soños de vivir no Parque Ofimático”, onde a Xunta está á espera de licenza municipal para investir 5,5 millóns de euros na construción de 40 vivendas protexidas. Cabe lembrar que antes de fin de ano o IGVS xa abonara os 4,2 millóns de euros que lle correspondían polas cotas de urbanización do Parque.

Ovidio Rodeiro rematou asegurando que seguirá “teimando en sumar outros cen días de esforzos e traballo, e logo cen máis e os que fagan falta, para que os coruñeses e os galegos sigan sentido que o noso Goberno está do seu lado, resolvendo os seus problemas e camiñando con eles cara a unha Galicia máis solidaria con quen máis necesita da axuda de todos”.